Madrid acolle a presentación do ‘De tapas por Galicia’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá en Madrid o programa ‘De tapas por Galicia’, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coas sete cidades galegas na que se concentran baixo a mesma denominación os concursos gastronómicos que se desenvolverán ao longo deste outono nas sete grandes cidades galegas.

Baixo a denominación de ‘De tapas por Galicia’ promoveranse conxuntamente o Concurso de tapas ‘Picadillo’, da Coruña; ‘Tapéate Ferrol’; o Concurso de tapas de Lugo, o ‘Concurso de pinchos de outono sabores de Ourense’; ‘Pontedetapas’, de Pontevedra; ‘Santiago é tapas’; e o ‘Concurso de tapas de Vigo Vello’.

Na súa intervención, na presentación de ‘De tapas por Galicia’ no Espazo Platea de Madrid, Nava Castro salientou que esta iniciativa supón, “por primeira vez”, a unión dos concursos e certames gastronómicos que se veñen celebrando ao longo do outono e durante os últimos anos nas nosas cidades baixo unha mesma denominación, “e sen minguar a personalidade individual de cada evento conseguiuse xerar un produto rexional con proxección no exterior”.

Nava Castro referiuse en Madrid a importancia que está a acadar a gastronomía no ámbito do turismo de Galicia. Así, manifestou, “hoxe, a gastronomía ocupa o segundo lugar canto ás motivacións que teñen os turistas para visitar a comunidade galega”, logo do medio natural e a paisaxe.