Galicia produciu en 2013 preto de 294.000 toneladas de
conservas e semiconservas de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura,
cun valor económico próximo aos 1.290 millóns de euros, o que representa máis
do 85% da produción total de España.
Estas cifras foran salientadas pola Conselleira Rosa
Quintana na clausura en Vigo do II Simposio Científico Internacional para a
Innovación na Industria Marina e Alimentaria, organizado pola Asociación
Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Mariscos (Anfaco-Cecopesca).
A titular do Medio Rural e do Mar animou ao sector pesqueiro
e conserveiro galego a “buscar un valor engadido aos produtos do mar” tendo en
conta que “as limitacións impostas á sobrepesca e a prohibición paulatina dos
descartes marcarán o rumbo da actividade extractiva”.
A conselleira dixo que a tarefa de incrementar o valor
engadido dos produtos do mar debe servir tanto para as especies que hoxe teñen
valor comercial como para outras que poidan derivarse desa prohibición dos
descartes, onde tamén terán cabida novos subprodutos que irán a parar á
industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica.
Rosa Quintana advertiu que a industria transformadora dos
produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura ten importantes retos ante si,
“pero é indubidable que o labor investigador e os resultados tecnolóxicos desa
investigación e a súa aplicación á esta industria farán que afrontemos o futuro
cun maior optimismo e coa máxima de permanecer sempre alertas nas tarefas
investigadoras”.