Un
grupo formado por unha ducia de directivos
da International National Trust Organisation (INTO) percorrerán esta semana,
entre o 15 e o 19 de setembro, as cinco etapas do Camiño Inglés entre Ferrol e
Santiago, co fin de promover a ruta nos seus respectivos mercados turísticos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acompañaron esta
mañá ao titular da National Trust,
Simon Molesworth; ao seu vicepresidente, Bill Turner; á responsable da área de
intercambio europeo e de xestionar a Rede Europea de Organizacións de
Patrimonio, Catherine Leonard; e o resto dos directivos no primeiro tramo desta
peregrinación.
Partindo de Ferrol o grupo camiñará durante
cinco días e 120 quilómetros ata chegar a Santiago de Compostela, percorrendo o
trazado orixinal do Camiño Inglés tradicional.
Ademais, haberá un segundo grupo que iniciará
o percorrido o mércores 17 na Coruña, outro dos portos tradicionais de entrada
dos barcos británicos, dende onde realizarán as tres etapas que separan a cidade
de Santiago de Compostela.
O fin desta iniciativa é pór en valor o Camiño
Inglés, unha ruta alternativa a Santiago que mantense como un recurso turístico
moi importante e segue espertando gran interese no mercado anglosaxón, co que
existen vínculos moi marcados por motivos históricos e culturais. No que vai de
ano polo Camiño Inglés pasaron xa 6.013 peregrinos, 2.214 máis que no mesmo
período do ano pasado.
National
Trust é unha organización británica fundada en 1985 co
obxectivo principal de promover a conservación e a posta en valor do
patrimonio. Actualmente, só no Reino Unido, conta con máis de catro millóns de
socios, e ten presenza en todos os continentes sendo especialmente activo en
países como Australia, Taiwán, República Checa e Canadá.