A conxunción de saberes –da comunidade científica, do sector pesqueiro
e da Administración– é un factor decisivo para o futuro do eido
marítimo-pesqueiro. Así o valorou esta mañá na Coruña a conselleira do Medio
Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración da Conferencia Científica Anual
2014 do Consello Internacional para a Exploración do Mar.
Rosa Quintana dixo que o traballo combinado
destes tres sectores “é o que nos leva a conseguir esa tripla visión
fundamental para a pesca. Unha unión de forzas que establece a consideración
dos aspectos ambientais e sociais, sen descoidar nunca o aspecto económico”.
A conselleira sinalou que “somos conscientes
da necesidade de establecer TACs e cotas, de perfilar directrices que unifiquen
os distintos criterios de pesca das diferentes comunidades e países”. Neste
sentido, valorou o papel da comunidade científica e agradeceu o seu traballo do
que –dixo– “é unha das bases para conseguir a sustentabilidade dos nosos
mares”.