A Consellería
do Medio Rural e do Mar destinou nos dous últimos anos 125 millóns de euros ao
apoio da transformación e comercialización dos produtos pesqueiros e
agroalimentarios. Díxoo esta mañá a titular do departamento, Rosa Quintana, na
inauguración do Festival Compostela Gastronómica, que se celebra estes días na
Praza de Abastos de Santiago de Compostela.
Rosa
Quintana explicou que o seu departamento investiu máis de 54 millóns de euros
en achegas dirixidas a mellorar a estrutura de transformación e venda de
produtos agroalimentarios e forestais. Neste sentido, tamén trasladou que a
Consellería destinou 71 millóns de euros en subvencións para que empresas
destinadas á transformación e comercialización de produtos do mar desenvolvesen
os seus proxectos de mellora da cadea mar-industria. Así, destacou que con
estas liñas de axudas apoiáronse case 700 proxectos que “dan fe de que
administración e sector estamos apostando por facer dos nosos produtos uns
embaixadores da nosa terra”.