Más viaxeiros e pernoitas en Galicia

Galicia rexistrou o pasado mes de xullo un incremento do 7,1% no número de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, o que supón unha suba histórica, xa que nunca medrara tanto o nivel de ocupación hoteleira nun ano non Xacobeo, segundo informa a Administración autonómica.

A Comunidade galega sitúase así 4,70 puntos por riba da media española en canto ao incremento da ocupación hoteleira, que foi en xullo do 2,4%, o que a sitúa entre as comunidades autónomas máis dinámicas, só superada por Canarias e Madrid.

Polo que respecta ao volume, en xullo rexistráronse 458.986 viaxeiros e a cifra de pernoitas subiu un 3,2% ata alcanzar as 930.613.

O bo comportamento da demanda prodúcese como consecuencia do crecemento rexistrado polos tres grandes segmentos de mercado. Destaca neste sentido o incremento rexistrado polo turismo internacional que mellora nun 16,5% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 9,5% o nivel de pernoitas de xullo de 2013.

Deste xeito, continúa, a tendencia positiva observada nestes últimos anos que leva a situar os niveis do turismo internacional en Galicia en máximos históricos tanto de volume –con preto de 120.000 viaxeiros e 195.000 pernoitas- como de peso no conxunto da demanda, xa que representa neste sétimo mes do ano o 26% dos viaxeiros e o 21% das pernoitas hoteleiras.

O mercado interno tamén mellora, cun incremento do 2,0% mentres que o receptor nacional sobe nun 1,5%.

No ámbito territorial, a ocupación hoteleira sobe e mellora nas provincias da Coruña e Lugo, nun 5,1% e 9,9%, respectivamente as pernoitas e manteñense estable en Ourense e Pontevedra. Nestas dúas ultimas provincias soben os viaxeiros aloxados nun 6% e un 13% respectivamente.

Polo que respecta á cidade de Santiago de Compostela, en xullo rexistráronse 75.152 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, o que supón un incremento do 13,3 por cento con respecto a xullo de 2013.

A cifra das pernoitas subiu nesta cidade un 7,5%, ata situarse nas 131.548, polo que os niveis de ocupación aumentaron neste ámbito un 3,04.

O mercado nacional medrou en Santiago nun 10,1%, e as pernoitas nun 7,1%, mentres que o mercado internacional subiu un 17,4% e as pernotias internacionais, un 8,1%.