Turismo de Galicia colabora coa Festa do Pulpo do Carballiño

Nava Castro con Argimiro Marnotes
Turismo de Galicia asinou co Concello do  Carballiño un acordo de colaboración para a celebración da edición número 52 da Festa do Pulpo prevista, como cada ano, para o segundo domingo de agosto. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, cincuenta e dous anos de historia avalan a gran tradición esta festa, unha das celebracións gastronómicas máis senlleiras da comunidade que actúa “como foco de atracción turística cara a unha terra que ten moito que ofrecer aos visitantes e que, a través da gastronomía, un dos nosos reclamos fundamentais como destino, se proxecta ao mundo”.

Segundo dixo, Turismo de Galicia apoia a celebración desta festa tradicional que ten convertido ao Carballiño no epicentro da degustación deste cefalópodo, acompañado con algúns dos produtos máis distintivos do destino Ribeiro.

As festas gastronómicas conforman a mellor mostra dalgunhas das máis relevantes exquisiteces culinarias do territorio galego, acompañadas pola tradición popular, pola música tradicional e por un dos nosos máis potentes activos como destino: a hospitalidade. 


Galicia conta con máis de 300 festas enogastronómicas, que impulsan o sector turístico e promocionan a calidade culinaria do destino. Un total de 44 destas festas contan coa declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia e outras 4 son de Interese Turístico Nacional, entre elas a Festa do Pulpo do Carballiño.