Galicia en Catas para gozar no Hostal

Galicia en catas: queixos, meles, viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia” é a actividade que se celebra dende hoxe ata o sábado 12 de xullo no Hostal dos Reis Católicos. Esta iniciativa, organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración cos consellos reguladores correspondentes busca promocionar estes produtos galegos de calidade.

O túnel do viño ofrece aos seus visitantes a posibilidade de catar ata 200 caldos das diferentes denominacións de orixe galegas. Ten un horario de 11 da mañá a 9 da noite e accédese mediante invitación ou pagando unha entrada con prezos populares. Os participantes nesta experiencia entrarán ademais no sorteo dun lote destes produtos.

Cada visitante, coa súa copa na man, pode percorrer a exposición e servirse libremente a cantidade apropiada de viño para a súa cata. Os viños están separados en cinco grandes grupos: brancos, tintos, elaboracións especiais (escumosos, tostados, ecolóxicos...), licores-augardentes e marcas premiadas cos acios e/ou potes nas Catas de Galicia 2014. Ademais dos viños, tamén poderán degustar os licores tradicionais e augardentes alí presentes.

O túnel do viño celebrouse por primeira vez o ano pasado con motivo da celebración do 25º aniversario das catas dos viños de Galicia. A iniciativa, que só duraba un día, foi visitada por máis de 400 persoas e debido a este éxito ampliouse a súa duración a 3 días.

Galicia en catas ofrece outras  posiblidades como é o espazo expositivo “Experiencia compartida dos queixos e meles de Galicia” que permite coñecer os queixos con Denominación de Orixe Protexida e os meles de Galicia, que resultaron premiados na última edición das Catas de Galicia.


A outra oferta é o espazo para á celebración de catas comentadas, presentacións das diferentes denominacións de orixe e actividades de promoción de produtos con indicativos de calidade. Nesta zona –previa reserva ou asistencia libre ata completar un aforo máximo de 24 persoas– o público pode participar nunha completa axenda de actividades técnicas. Cada día celébranse ata sete sesións.

As charlas de hoxe están máis enfocadas aos profesionais do sector (adegueiros, enólogos, sumilleres, distribuidores ou representantes da hostalería), pero as de mañá venres e sábado están máis enfocadas aos visitantes polo que teñen un carácter máis divulgativo e lúdico. A duración de cada sesión é de entre media hora e unha hora, cun descanso doutros 30 minutos entre cada actividade.


Entre as actividades programadas tamén hai catas comentadas dos viños gañadores cos acios de ouro, prata ou bronce, presentacións de meles monoflorais e multiflorais da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, presentación dos queixos galegos con D.O.P. e demostracións de coctelería con augardentes e licores tradicionais de Galicia.