Exposición con tirón xacobeo

Máis de 6.000 persoas visitaron xa a mostra Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago que abriu as súas portas o 20 de xuño e que está a rexistrar unha elevadísima afluencia de público. A exposición foi a encargada de abrir en Asís os  actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela o pasado mes de agosto. Alí recibiu durante o seu período de apertura máis de 7.000 visitas. No Colexio de Fonseca rexistrou 6.000 entradas en menos  dun mes.

A gran calidade das obras que compoñen a mostra, entre as que se atopan obras de Salzillo, El Greco ou Zurbarán poderá ser apreciada ata o día 24 de agosto neste proxecto expositivo que está concibido para visibilizar a herdanza franciscana que pervive en Compostela e que evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e Asís. A exposición pode visitarse entre as 11 da mañá e as 14 horas e tamén entre as cinco e as nove da tarde.

Os capítulos da mostra contan con obras de arte de primeiro nivel como cadros de El Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona. Pezas medievais da época do santo, procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia completan a exposición. Son obras de escultura, ourivería, restos de arquitecturas, telas, instrumentos musicais, relicarios, incunables das bibliotecas franciscanas. Algúns exemplos das obras que se poden visitar son un Códice de finais do século XIII- comezos do XIV da Biblioteca do Seminario de Mondoñedo; unha arqueta de Santa Valeria, do obradoiro de Limoges; o cadro de Francisco Zurbarán, San Francisco en Oración. Así como San Francisco e o Irmán León meditando sobre a morte, unha obra de El Greco que se conserva na Fundación do Colexio Nosa Señora da Antigua de Monforte de Lemos. Así como unha virxe co neno e San Francisco, procedente da Porta de San Rufino de Asís, da Pinacoteca Comunale, Palazzo Vallemani, entre outras pezas.