Convenio para impulsar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Valedor do Pobo, Julio José Fernández, asinaron o convenio de colaboración que as tres institucións subscriben para a consecución do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. O convenio ten como obxectivo colaborar para desenvolver as actuacións necesarias que permitan presentar ante o Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial. Ambas deputacións achegan 100.000 euros ó estudo técnico que permitirá a elaboración da candidatura.

Trala sinatura do convenio, Manuel Baltar afirmou que toda Galicia “será Patrimonio da Humanidade cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións”. O presidente ourensán considera que o convenio que hoxe asinamos “reforza o compromiso de dúas provincias cun reto común” e que a comisión de seguimento do acordo asinado en Rocas, orixe desta andaina, “está a desenvolver os seus traballos de xeito modélico”.