O Consello da Xunta autorizou a subscrición do convenio de
colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Parada de Sil
cuxo obxecto é a execución do proxecto de recuperación da Fábrica de Chocolates
Casares. Esta fábrica de chocolate funcionou durante o século XX e o obxectivo
é convertela na futura ‘Casa do Chocolate’ e que funcione como museo para a
promoción e divulgación dos recursos turísticos do Concello de Parada de Sil.
No museo ofrecerase un percorrido pola industria chocolateira
do concello e a súa influencia na historia deste. Nas súas salas poderase amosar
a maquinaria, os utensilios e os obxectos relacionados coa súa historia e o seu
proceso de produción. A nova infraestrutura potenciará as posibilidades turísticas
deste concello enclavado na Ribeira Sacra e difundirá os recursos da zona
vinculados coa industria.
A Ribeira Sacra está a experimentar unha suba constante na
cifra de viaxeiros e noites rexistradas nos establecementos hoteleiros da zona.
Así, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de
Estatística, os viaxeiros medraron en maio de 2014 un 25,2% respecto de maio do
ano pasado e a cifra de noites rexistradas superou nun 31,8% as rexistradas no
mesmo mes de 2013.