O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe
unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan para 2014
as axudas á realización de proxectos colectivos para a xestión de zonas de
produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos
recursos mariños. A través delas, o departamento dirixido por Rosa Quintana destina
a esta convocatoria 3,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da
Pesca. Os importes consignados para esta convocatoria, poderán ser ampliados en
función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun
novo prazo de presentación de solicitudes.
Poderán beneficiarse desta liña de axudas as
confrarías de pescadores e as súas federacións, as asociacións de profesionais
do sector, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar e toda
entidade asociativa xurídicamente recoñecida e constituída por profesionais do
sector, sempre e cando desenvolva a súa actividade profesional no sector
pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura e teña a súa sede social na Comunidade
Autónoma de Galicia.
O obxecto destas axudas é mellorar as
condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e
que contribúen á conservación do medio mariño e as súas especies. Neste
sentido, as achegas permitirán sustentar a xestión de zonas de producción para
a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de
explotación e de proxectos de rexeneración.
Os interesados en solicitar estas achegas
poderán consultar os requisitos e documentación necesaria no DOG de hoxe. Para
a convocatoria de 2014, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes
contado dende mañá. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a
través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de
Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es
ou tamén de xeito presencial en papel.