A multinacional xaponesa AEON interésase polos produtos agroalimentarios galegos

Unha delegación da multinacional xaponesa AEON, o maior distribuidor comercial minorista de Asia, visitará durante mércores e xoves distintas empresas galegas para satisfacer o interese que a empresa xa amosou pola calidade dos produtos agroalimentarios galegos durante a recente visita do presidente da Xunta a Xapón.

A Xunta destaca esta viaxe como unha oportunidade única para a industria agroalimentaria de Galicia, xa que o grupo posúe case 20.000 establecementos repartidos desde Xapón a Australia, e factura 41.000 millóns de euros anuais.

A visita comezará mañá mércores ás 6:30 da mañá cunha visita á lonxa de Vigo, e incluirá varios encontros con empresas galegas do sector, tanto cárnicas como agrícolas e da industria pesqueira. A axenda inclúe un show cooking nun restaurante, ao que seguirá un encontro na Xunta cos conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Por último, a delegación xaponesa reunirase o xoves con representantes de conserveiras galegas. O interese da compañía pode supoñer un impulso para abrir o mercado galego ao xaponés, a terceira economía do mundo. Á convicción dos beneficios que eses lazos comerciais suporían para Galicia respondeu a viaxe a Xapón que, en xuño, fixeron o presidente da Xunta e o conselleiro de Economía e Industria. Unha visita que xa está comezando a dar os seus froitos con esta visita dos responsables de AEON.