Milla Molgaard anda polo sur de Galicia

A xornalista danesa Milla Molgaard, gañadora do concurso  convocado pola Oficina de Turismo de España en Copenhague España en palabras, goza estes días dunha estancia na vila pontevedresa da Guarda e o sur de Pontevedra, como premio desta convocatoria.

Molgaard foi distinguida co primeiro premio España en palabras 2013 por un traballo relacionado coas festas e o turismo sustentable que ten como recompensa unha estancia nun destino europeo de excelencia (EDEN), neste caso a vila da Guarda.

Milla Molgaard chegou a Vigo e trasladouse á vila de Baiona para aloxarse no Parador Conde de Gondomar. A xornalista danesa visitará A Guarda, o Monte de Santa Tegra e o contorno costeiro deste concello do sur de Galicia.

Está previsto que visite o porto de Vigo e as Illas Cíes, onde terá a oportunidade de comprobar a xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Mañá xoves, regresará a Dinamarca.

A Guarda foi elixida como destino para este premio xa que conta coa distinción EDEN, que en España só teñen outros tres lugares: o Ecoparque de Trasmiera (Cantabria), o Delta do Ebro (Tarragona) e a Serra das Neves (Málaga).


O programa Destinos Europeos de Excelencia é un proxecto da Comisión Europea que fomenta modelos de desenvolvemento de turismo sustentable na Unión Europea. O proxecto baséase en concursos nacionais que se desenvolven todos os anos desde 2006 e que culminan coa selección un destino de excelencia turística por cada país participante. A característica principal dos destinos seleccionados é o seu compromiso coa sustentabilidade social, cultural e ambiental.