Dende o Cantábrico Oriental na procura da Carta Europea de Turismo Sustentable

Representantes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza recibiron a un grupo de acción costeira do País Vasco e de Francia para informarlles das distintas fases e trámites que a Xunta de Galicia está a realizar para que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acade a Carta Europea de Turismo Sustentable. Esta distinción ten como obxectivo promover a actividade turística no Parque dun xeito que garanta a protección dos valores naturais, culturais e sociais, e que contribúa ao desenvolvemento económico e ao benestar das persoas.

Neste encontro técnico, que tivo lugar no Edificio Cambón, sede en Vigo do Parque, reiterouse que este proceso está marcado por un carácter participativo, que busca a implicación de todos os que teñan, en xeral, interese na conservación e promoción do Parque e, en especial, relación co turismo na zona.