berberecho birollo á mesa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar pola cal se autoriza a explotación do berberecho birollo -una especie moi resistente- nos parques de cultivo mariño localizados no litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tradicionalmente, nas zonas de explotación marisqueira, extráese berberecho común, especie cun alto interese comercial. Ambas especies, o berberecho común e o berberecho birollo, coexisten nos bancos naturais pero o berberecho birollo –como especie acompañante-, sempre tivo menos interese comercial.

Durante a campaña extractiva do ano 2013 observouse un incremento considerable deste tipo de berberecho nos bancos marisqueiros. Por este motivo, a resolución, que entra en vigor mañá, autoriza a explotación desta especie baixo unha serie de condicións, entre elas, que para o exercicio da actividade o establecemento dispoña do preceptivo título administrativo habilitante en vigor.


Diversas confrarías de pescadores xa dispoñen da autorización necesaria para extraer berberecho birollo como especie acompañante dentro dos plans de explotación de marisqueo e para efectuar a correspondente venda en lonxa. Esta autorización permite ampliar o rendemento económico do sector ao sumar unha nova especie con posibilidades comerciais.