“O prestixio dos produtos alimentarios galegos
trascende as nosas fronteiras e non cabe dúbida de que o apelido ‘Galicia’
asociado a estes produtos vende, sendo sinónimo de calidade, tradición e
autenticidade”. Así o destacou esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar,
Rosa Quintana, na recepción aos alumnos da Basque Culinary Center que tivo lugar no
Centro Superior de Hostelería de Galicia e na que tamén participou a directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Neste
acto, Rosa Quintana sinalou que Galicia e Euskadi “comparten importantes
afinidades tanto no ámbito turístico como no gastronómico, o que constitúe un
inmellorable punto de partida para esta colaboración e intercambio de
coñecementos”.
A
conselleira salientou o papel dos profesionais e alumnos da cociña na posta en
valor da “cada día máis extensa lista de produtos alimenticios singulares que
producimos” e, no caso de Galicia, puxo de manifesto o “binomio terra mar” que
a nosa Comunidade nos regala, para dispor de produtos de gran calidade.
Rosa
Quintana indicou ademais que “para a protección dos produtos típicos dun
territorio cunha especial calidade ligada ao medio e aos sistemas tradicionais
de produción, foron creadas as denominacións de orixe e indicacións
xeográficas, das que conta cun amplo abano, trinta e unha actualmente”. Neste
contexto, a conselleira felicitou ao Consello Regulador da Denominación de
Orixe Rías Baixas pola súa iniciativa de traer a Galicia aos alumnos do País
Vasco.
Os
alumnos do Basque Culinary Center coñeceron
durante a súa estadía en Galicia a oferta turística e gastronómica da nosa
Comunidade, visitando distintas queixerías, bateas, lonxas e adegas. Tamén
tiveron a oportunidade de participar, no Centro Superior de Hostelería de
Galicia, nunha cata de queixos e augardentes, así como nun curso teórico-práctico
de tenreira galega.