Á caza do turista chinés

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia promoverá ao longo desta semana o turismo galego no mercado chinés, ao presentar a oferta da comunidade galega aos operadores turísticos máis importante das cidades de Shanghai, Cantón e Pequín.

Esta misión de promoción turística está organizada por Turespaña e recalou hoxe luns día 12 de maio na cidade de Shanghai. Alí, Turismo de Galicia participa nunha presentación ao mercado turístico chinés, onde estarán presentes os principais operadores turísticos do país asiático. Mañá día 13, na mesma cidade, desenvolverase unha xuntanza de traballo na que Turismo de Galicia terá a oportunidade de expoñer ante os axentes de viaxe desta cidade chinesa os valores e os produtos turísticos da comunidade galega.

O mércores 14 de maio, a misión comercial trasladarase á cidade de Cantón, onde se desenvolverá outra xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos desta cidade.Por último, Turismo de Galicia poderá participar nunha xuntanza cos principais axentes turísticos da capital chinesa, Pequín, o venres 16 de maio.

Por outra parte, Turismo de Galicia promoverá o Camiño de Santiago na feira International Christian Resources Exhibition, que se celebrará en Londres entre os días 13 e 16 de maio.Trátase dun certame de carácter relixioso, no que Turismo de Galicia instalará un recinto de 21 metros cadrados.