O ecolóxico está de moda

Dende 2009 o volume de negocio das conservas de peixe con certificación ecolóxica aumento en preto dun 97 %, pasando de máis de 115.000 euros no 2009 a máis de 3,5 millóns de euros no 2013. No eido do mar tamén collen protagonismo os produtos da acuicultura e recolleita de algas, cun volume de negocio que pasa de máis de 104.000 euros no 2012 a máis de 267.000 euros no 2013.

No que se refire á evolución concreta do último ano o volume de negocio de vendas certificadas en ecolóxico medrou en máis dun 11%, ao pasar de máis de 23 millóns de euros en 2012 a preto de 26 millóns de euros no 2013. Tamén medrou a cifra de operadores, que pasou de 607 a 656, o que se traduce nun incremento do 8%. A superficie inscrita no CRAEGA mantívose en termos semellantes neste período.

En canto á evolución dos últimos 17 anos, a superficie inscrita medrou de xeito substancial, pasando das algo máis de 13 hectáreas inscritas ás máis de 15.600 de 2013. Este gran ascenso tamén se reflectiu nos operadores (produtores e elaboradores) pasando de 11 a 656.
 
As cifras reflicten que a agricultura ecolóxica está en pleno auxe e que medrou tanto en termos económicos como en termos de presenza. Neste crecemento teñen un papel clave as exportacións, que supoñen a apertura de novas oportunidades de negocio, pois os produtos da agricultura ecolóxica de Galicia teñen cada vez máis aceptación nos mercados estranxeiros.