Noruegueses en viaxe acuicola por Galicia

Cordas dunha batea
Alumnos e profesores do Instituto de acuicultura noruegués de Frøya atópanse dende onte e ata o vindeiro día 29 deste mes de abril visitando institucións e empresas relacionadas coa acuicultura da nosa Comunidade, para o que contaron co apoio do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), centro dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O centro de formación da Illa de Arousa mantén unha relación de colaboración co de Frøya e xa  ten recibido noutros anos a visita dos seus estudantes e profesorado. Nesta ocasión colaborou na organización da estadía realizando un programa de actividades no propio centro e xestionando visitas a empresas e institucións representativas da acuicultura de Galicia. Pola súa parte, o centro noruegués colabora para que o alumnado do IGAFA poida realizar prácticas de formación en empresas dese país.

Os dezanove estudantes e os tres profesores visitantes coñecerán as instalacións do IGAFA, recibindo charlas formativas sobre a acuicultura e a formación acuícola en Galicia e poderán coñecer a produción de mexillón en bateas, empresas acuícolas, confrarías, centros públicos de investigación, o INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia) e o Consello Regulador do Mexillón.