A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, compareceu hoxe
na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego, onde
explicou as iniciativas levadas a cabo desde o seu departamento, no marco do Plan
Integral de Turismo de Galicia, así como os datos turísticos rexistrados na
comunidade.
A directora de Turismo de Galicia incidiu no feito de que o ano 2013
rexistrou un balance positivo para o turismo galego dado que nos
establecementos hoteleiros medraron os viaxeiros un 4,9% e as pernoitas un 1,9%
a respecto dos valores rexistrados en 2012. Así, tamén no caso do conxunto da
oferta regrada, experimentáronse subas do 4,3% en viaxeiros e do 1,4% en
pernoitas.
Nava Castro tamén se referiu aos datos por provincias e zonas turísticas
e incidiu no aumento de viaxeiros na Ribeira Sacra, cun 9,1% máis; en Lugo
central, cun 10,2% máis; ou na Mariña Lucense, cun 24,6% máis de viaxeiros que
o ano pasado.