Presenza importante de empresas do Deza en Alimentaria

José L. Iglesias
Un total de 29 empresas da comarca do Deza promocionarán os seus produtos na feira Alimentaria 2014, que se desenvolve en Barcelona do 31 de marzo ao 3 de Abril. Farano no stand co que a Deputación de Pontevedra participa neste evento e no marco do proxecto depoDeza, financiado ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A relevancia de Alimentaria convértea nun escaparate ideal para a promoción dos produtos alimentarios e para a súa difusión de cara á exportación. Nos seus 95.000 metros cadrados de superficie, danse cita 3.800 empresas expositoras e agárdase que a visiten unhas 140.000 persoas, 40.000 delas compradores estranxeiros.

A presenza de Deza neste evento permitirá dar a coñecer as súas carnes de tenreira, porcino, galo de curral, embutidos, produtos ecolóxicos, pan, mel, repostería, viños e licores. Todos eles compoñen a variada oferta que as empresas desta comarca presentan en Alimentaria, co distintivo común da calidade.

Seguindo a liña marcada pola propia feira, na que este ano participan 50 estrelas Michelin, no stand da Deputación poderanse degustar os produtos do Deza da man do flamante Cociñeiro Galego do ano, Diego López, do restaurante La Molinera; da gañadora en dúas ocasións do concurso Bocadiños de Cocido, Concepción Peiteado, de Restaurante Agarimo; así como do chef Jose Luis Iglesias, de Restaurante Cabanas; ou Luis Alberto Guerreiro, de Las Palmeras, gañador do certame Deztapate 2013.