Premier turístico en Madrid

Turismo de Galicia iniciou onte a nova campaña de promoción turística coa intalación do set Galicia de cine  set na praza Jacinto Benavente de Madrid, unha acción especial que consiste nunha plataforma itinerante que visitará as cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla e Santiago de Compostela para recompilar as testemuñas dos cidadáns que queiran participar falando sobre as súas motivacións e reclamos para visitar Galicia. Trátase dunha acción de street marketing que pretende fomentar a interactividade dos viaxeiros co destino.

No día de onte arredor de 300 persoas quixeron participar nesta acción promocional Galicia de cine. O set itinerante da rodaxe está formado por dous escenarios: un deles recollerá os motivos polos que os viaxeiros deciden vir a Galicia a través dunha gravación persoal. E o outro escenario, enmarcado dentro da promoción A persoa que máis recomenda Galicia no mundo, ten por obxectivo gravar a aqueles que xa coñecen Galicia e que a recomendan aos seus para compartir a súa experiencia. Estes vídeos poderán ser subidos á rede para participar na promoción en liña ata o día 15 de maio.

Entre todos os participantes que se acheguen a dar testemuños sortearanse viaxes por Galicia, e todos formarán parte do casting no que se elixirá os protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia.
O set estará en Barcelona o día 29 de maio, na praza da Universitat; en Sevilla o día 4 de abril, na praza da Encarnación e en Santiago, na praza do Obradoiro, o día 11 de abril.

A campaña 2014 de Turismo de Galicia, Galicia, el buen camino, ten un novo eslógan: ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’/’Si te han recomendado Galicia, es que te quieren’. A mensaxe incide na capacidade dos viaxeiros e dos propios galegos para seren prescritores de opinión do destino. Ao tempo, resalta a condición de multiexperiencial do Galicia como destino turístico e aqueles elementos diferenciais que conforman os principais atractivos da comunidade.