Axudas para a conservación de razas gandeiras autóctonas

O Consello da Xunta acaba de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración da Consellería do Medio Rural e do Mar coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) para o fomento das razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción. A esta colaboración, o departamento que dirixe Rosa Quintana destina 605.000 euros para distribuír nos anos 2014 e 2015, a razón de 302.500 euros anuais. Esta cantidade está cofinanciada a través do Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader).

A través do convenio, entre outras tarefas, Boaga continuará co inventariado, caracterización e avaliación dos censos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción das seguintes especies: bovina (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa), ovina (Ovella Galega), caprina (Cabra Galega) e aviaria (Galiña de Mos). Tamén incrementará o asesoramento na selección e mantemento da variabilidade xenética dos rabaños destas razas, realizará xornadas informativas anuais abertas a todos os criadores e continuará coa divulgación das posibilidades produtivas das razas.