Peregrinación franciscana a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela recibiron en Santiago de Compostela ao presidente honorario da Asociación I Cammini di Francesco, Monseñor Agostino Marchetto; ao secretario xeral da asociación Fabrizio Nevola e mais o presidente da mesma Giorgio Piccirillo no marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. No encontro estiveron acompañados tamén polo deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.

A Asociación I Cammini di Francesco ten por obxectivo difundir o legado artístico e cultural asociado á figura de San Francisco de Asís, así como obter a declaración de Itinerario Cultural Europeo para o Camiño de San Francisco. Polo de agora, só dous itinerarios de peregrinación contan con este recoñecemento: O Camiño de Santiago e a Vía Francigena.

A asociación realiza accións encamiñadas a promoción do Camiño de Francesco ao tempo que traballa pola conservación dos lugares artísticos e de culto ligados á tradición franciscana, polo estudo e recuperación dos mesmos e pola promoción da cultura e a arte vinculada ao turismo relixioso.

Os responsables da Asociación I Cammini di Francesco mantiveron un encontro de traballo coa directora de Turismo de Galicia e mais co xerente do Xacobeo, e posteriormente realizaron unha visita polo casco histórico do Compostela así como á Catedral de Santiago.