Arrinca a cata de queixos e meles de Galicia

Un total de 25 meles, pertencentes a 17 industrias envasadoras, e 62 queixos de 40 industrias diferentes participan na XII Cata dos meles de Galicia e na XVI Cata dos queixos de Galicia 2013, que arrinca mañá no compostelán Centro Integrado de Formación Profesional en Lamas de Abade (Santiago).

Esta cata anual de meles e queixos de Galicia está organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración cos consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e as catro denominacións de orixe protexidas queixeiras.

Nesta edición a novidade é a participación de mostras de queixo “Arzúa-Ulloa curado”. Aos efectos do concurso, o intervalo de maduración establecido para os queixos que participan neste grupo será dun mínimo de 6 meses e un máximo de 15 meses.

Os meles concursan en dúas categorías; a Categoría A, que abarca calquera dos meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, silveira e breixo) incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia e a Categoría B, correspondente aos meles multiflorais.

Os queixos que se presenten a concurso –agás o xa referido Arzúa-Ulloa curado– deberán ter unha maduración, no momento da cata, de entre 15 e 20 días no caso do Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa; entre 45 e 80 días para San Simón da Costa e, no caso do Cebreiro, ter unha maduración mínima de 2 días.