Moscú conecttion

Turismo de Galicia realizou en MOscú dúas presentacións dirixidas a prensa especializada do sector turístico e mais aos axentes e touroperadores máis importantes do país. A oferta diferencial do destino Galicia así como o Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro quen incidiu na posibilidade que a conectividade proporcionada pola aerolínea Turkish Airlines ofrece para os operadores do mercado ruso á hora de comercializar o destino Galicia. Galicia está unida con Moscova e coas cidades rusas de Sochi, Rostov-on-don, Ufa, Kazán, Novosiribirsh e San Petersburgo a través da conexión aérea directa de Galicia con Istambul.

Así, Nava Castro resaltou as posibilidades que o destino Galicia ofrece en relación co Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía, o termalismo ou o turismo activo e cultural. A directora de Turismo de Galicia recalcou que a nosa comunidade é a meta do Camiño de Santiago, “o Camiño que fixo Europa” e que a día de hoxe atrae unha media de 200 mil peregrinos ao ano e que conta dende 1987 coa declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo e dende 1993 coa de Patrimonio da Humanidade. Nava Castro fixo fincapé tamén nos outros tres Patrimonios da Humanidade de Galicia: a muralla de Lugo, a Torre de Hércules e mais a catedral e o casco histórico de Santiago de Compostela.

Ao tempo, incidiu nas potencialidades do noso destino no relacionado co turismo enogastronómico, coa calidade das materias primas e dos servizos que conforman a oferta de restauración da comunidade así como coa posibilidade de descubrir o noso territorio a través do enoturismo e das nosas cinco Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas. A natureza, como primeiro reclamo para os viaxeiros que visitan Galicia tamén ocupou un lugar destacado na presentación da directora de Turismo, quen incidiu nas potencialidades do destino para a práctica do turismo activo, o sendeirismo, a náutica, o golf, o surf, etc. De igual, modo, o turismo termal e as potencialidades de Galicia neste eido centraron boa parte da exposición, así como os recursos patrimonais, culturais, a etnografía e a artesanía.