A Consellería de Traballo e Benestar, en
colaboración co IGAPE, promoverá nos próximos días en Luxemburgo o sector do
cooperativismo galego co obxectivo de mellorar a promoción e comercialización
no exterior dos produtos e servizos das cooperativas galegas. Así, desde mañá e
ata o sábado, realizaranse diversas accións de internacionalización para
facilitar o acceso deste modelo empresarial a novos mercados internacionais.
Deste xeito, o Hotel Sofitel Luxembourg le Grand
Ducal acollerá unha cena gala coa que se pretenden promover as excelencias dos
produtos cooperativos entre os importadores e as distintas personalidades do
mundo empresarial europeo. O evento terá lugar a partires das 19,00 horas e o
menú estará elaborado por cociñeiros galegos pertencentes ao grupo Nove e
galardonados coa Estrela Michelín. Previa á cena, ofrecerase unha degustación
de viños dirixida por un enólogo que presentará as singularidades de cada
produto.
Co obxectivo de apoiar ás cooperativas, a
Consellería de Traballo e Benestar e o IGAPE, promotores desta acción de
internacionalización, propiciarán a posibilidade de realizar encontros
bilaterais ao longo da xornada. Pola súa banda, os días 11 e 12 de outubro, o
Hotel Sofitel Luxembourg le Grand Ducal organizará unhas xornadas gastronómicas
dedicadas aos produtos cooperativos galegos.