Máis tráfico nos peiraos autonómicos

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 6,9% ao peche do terceiro trimestre do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de setembro, o movemento de mercadorías acumulado nos 9 primeiros meses de 2013 situouse en 1,54 millóns de toneladas, fronte ao 1,44 do pasado ano.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 415.081 toneladas acumuladas nos tres primeiros trimestres de ano; Ribadeo, con 377.718 toneladas; e Brens-Cee, con 298.495 toneladas. Xunto a estas cifras, cómpre destacar o incremento de actividade experimentado no peirao de Burela, que supera o 137%, pasando de 94.929 toneladas a 225.213.

Polo que respecta en concreto ao propio mes de setembro, os portos de maior actividade foron tamén Cariño, Cee e Ribadeo con 50.781, 40.505 e 37.363 toneladas, respectivamente.

Os portos con maior número de exportacións foron Ribadeo, Cariño e Cee, con 340.558, 295.360 e 173.138 toneladas respectivamente. A continuación sitúanse os portos de Celeiro (Viveiro) e A Pobra do Caramiñal, con 101.178 e 71.677 toneladas exportadas durante os primeiros nove meses do ano.