Gandeiría e agricultura ourensana: Internacionalización e innovación

O futuro da industria agrogandeira da provincia deberá pasar pola internacionalización dos productos, potenciando a diferenciación das variedades autóctonas tanto nos mercados internos coma nos exteriores. Do mesmo xeito, os agricultores ourensáns deberán ter presente a innovación nos seus labores, entendida tanto dende o punto de vista da investigación e o desenvolvemento, como dende o da diversificación dos productos e o seu tratamento industrial. Así o concluíron os participantes no primeiro dos seminarios formativos arredor do sector agroindustrial organizados polo Inorde dentro do proxecto europeo Promercado.

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia acolleu a cita na que diferentes profesionais do campo abrangueron aspectos coma as potencialidades da horta ourensá, a comercialización e revalorización de pequenos froitos ou diferentes estratexias empresariais agroalimentarias, así coma o desenvolvemento deproductos endóxenos. O Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós acollerá este xoves a segunda xornadas destes seminarios.

O proxecto Promercado desenvólvese con tres obxectivos principais: Identificar, analizar e estructurar os productos endóxenos, articular a relación entre os productores e a industria, así como desempeñar labores de comunicación e promoción do sector agrogandeiro ourensán. Del forman parte a Asociación do Alto Támega, a Universidade de Tras Os Montes (Portugal) e o Centro Empresarial Transfronteirizo, co Inorde como beneficiario principal.

As funcións de Promercado pasan pola investigación xenética de razas gandeiras e variedades agrícolas, cun salientable esforzo na recuperación do autóctono ourensán. Coñecidos son os éxitos da valorización do porco celta, a ovella galega ou a pita de Mos, entre outros. Segundo explicou o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, hoxe é preciso “pensar a cinco ou seis anos vista, porque da crise está saíndo un novo consumidor con diferentes hábitos de consumo” e, por iso, é preciso centrar os esforzos “naquilo que nos queren comprar”. Como exemplo, salientou os cultivos de verza desenvolvidos ó amparo do Inorde e dos que é cliente a principal cadena portuguesa de supermercados.