Galicia desprecia tamén o marisco de interior

Borja Míguez
As posibilidades de comercialización e distribución das castañas e cogumelos centrou a segunda xornada dos seminarios formativos arredor do sector agroindustrial organizados polo Inorde dentro do proxecto Promercado. O Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós acolleu o acto no que se puxo de manifesto a variedade de productos e oportunidades que presenta o froito do castiñeiro. Do mesmo xeito, as setas tamén se alzaron como elemento a ter en conta para o futuro de Ourense, onde se das as condicións axeitadas para iniciar a súa comercialización; o mesmo que acontece coa castaña.

O micólogo Borja Mínguez lamentou durante a súa intervención o feito de que en Galicia se estea perdendo “o marisco do interior”, xeito no que definiu as setas, asegurando que á sociedade fáltalle formación e salientando como problemas a “falta de orde nos montes” e os incendios forestais. Borja Mínguez perfilou a situación que atravesan a producción e o mercado micolóxico no territorio galego, no que se produce un “círculo absurdo” no que “a maioría das setas recollidas aquí teñen como destino final Francia, Alemania ou Italia, onde as transforman e volven traelas para vendelas en Galicia”. Só nesta xeografía están rexistradas 2.800 variedades, das cales son comestibles unhas 100.

 O xerente do Inord, José Manuel Rodríguez, inaugurou esta segunda xornada salientando o potencial da castaña como “motor económico” para Ourense. Neste sentido, o departamento provincial ten traballado na reforestación de castiñeiros nos concellos de Riós, A Gudiña, A Mezquita, Vilardevós e Vilariño de Conso, unha área na que levan plantados máis de 27.000 castiñeiros distribuídos en 15 parcelas dos cinco municipios. Entre os valores que José Manuel Rodríguez detallou desta árbore destaca a “sorte de que se traballa para moitas xeracións” e, por iso, o castiñeiro pode “crear economía de futuro”.