A Xunta de Galicia impulsa unha nova liña de financiamento
de ata 20 millóns que aspira a facilitar aos produtores galegos a campaña da colleita
da uva. Neste contexto, o Goberno galego, a través do Igape, posibilitará que se
avale ás pequenas e medianas adegas da Comunidade para que accedan ao financiamento
das entidades financeiras, podendo anticipar os pagos a provedores que se
derivan da vendima.
Esta liña de financiamento articúlase a través dun acordo de
colaboración entre as Consellerías de Economía e Industria e de Medio Rural e
do Mar xunto ás sociedades de garantía recíproca (SGR) e as propias entidades
financeiras. O importe desta liña de pagamento a provedores pode acadar os 2
millóns de euros por beneficiario.
Para garantir as operacións, estas contarán cun aval do 20%
por parte das sociedades de garantía recíproca que, a súa vez, disporán dun
reaval do Igape para cubrir o 25% do risco que asuman. Deste xeito, as adegas
galegas obterán o financiamento necesario para atender, en prazo, o pago aos
provedores de uva, evitando soportar excesivas cargas financeiras e favorecendo
a súa viabilidade económica.
Benefíciase así a un sector estratéxico en Galicia, cun peso
moi importante na producción final agraria e articulado fundamentalmente
arredor das cinco denominacións de orixe existentes na Comunidade, nas que
están implicados máis de 17.000 colleiteiros e preto de 150 adegas cun volume
de produción próximo aos 150 millóns de euros.