De inauguración en inauguración

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domíguez, inaugurou hoxe en Lugo a Xornada Balnearios: turismo sénior e envellecemento activo. No acto de apertura interviñeron tamén a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro; así como o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Antonio Garaloces.

A directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención a singularidade das termas romanas de Lugo así como a magnífica oferta cultural, gastronómica e paisaxística, ademais de termal coa que conta a cidade das murallas.


Explicou que dende o seu departamento se traballa para adecuar a oferta turística do destino ás necesidades do viaxeiro e para ofrecer unha estadía con oferta diferenciada, exclusiva e de calidade. “O feito de traballar para potenciar aqueles segmentos que desenvolvan turisticamente o noso territorio repercutirá directamente na especialización do noso destino”, explicou. Segundo dixo, o sector turístico é unha realidade en constante movemento que se esforza por adaptarse aos cambios. “Os novos turistas demandan unha oferta á súa medida, e tamén é importante detectar os cambios que requiren aqueles segmentos xa consolidados para continuar a facer atractiva a nosa oferta”, explicou.