Comeza a veda da lagosta e do lumbrigante

Hoxe comeza a veda do lumbrigante e da lagosta no litoral de Galicia, quedando prohibida a súa captura nas augas galegas ata que o indique o novo Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que se publicará no Diario Oficial de Galicia previsiblemente a finais deste ano. Por outra banda, dende hoxe poderase capturar santiaguiño.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que a centola permanece en veda na provincia de Lugo ata o próximo 1 de decembro; no caso da provincia da Coruña e Pontevedra, este crustáceo non se poderá capturar ata o 17 de novembro. Tamén cómpre recordar que dende o pasado 28 de xuño e ata o vindeiro 1 de decembro non se poderá extraer boi das nosas augas.

Cabe destacar que ata a apertura á extracción destas especies, o Servizo de Gardacostas de Galicia tiña establecido un sistema específico de vixilancia para controlar o cumprimento das vedas e evitar a acción furtiva. Precisamente a loita contra o furtivismo é unha das prioridades da Consellería do Medio Rural e do Mar, de cara á conservación dos recursos mariños.