A Consellería do Medio Rural e do Mar destina
1.940.404 euros á diversificación de plantacións de castiñeiro para froito na
convocatoria de 2013. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de
axudas que se convocan por primeira vez este ano e que son cofinanciadas co
Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa
de Desenvolvemento Rural de Galicia.
Esta liña de axudas é de aplicación ao ámbito
xeográfico de produción da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia,
que comprende a área do territorio da Comunidade autónoma delimitada ao oeste
pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte. Poden ser obxecto
delas todo tipo de terreos que estean identificados no Sistema de
Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC).
Así poderán beneficiarse destas axudas as
sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de xeito
individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares
legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de
Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os de varas, abertais, de
voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras
persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común.