Record de viaxeiros

Galicia rexistrou en agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados, superando incluso en algo máis de 1.000 aos computados no Ano Santo 2010. Porcentualmente, a suba é a máis elevada dos últimos once anos, segundo informa a Xunta.

Galicia rexistrou no mes de agosto unha cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de 727.733, isto é, un 11,6% máis que os rexistrados no mesmo mes do ano pasado. Tamén as pernoitas experimentaron unha suba do 6,5%, con 1.826.503 pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings. Deste xeito, os establecementos extrahoteleiros galegos, cuxos datos fixo públicos hoxe o Instituto Nacional de Estadística, experimentaron unha suba na cifra de viaxeiros aloxados do 5,1%, e do 2% na cifra de pernoitas rexistradas a respecto de agosto de 2012.

A suba máis importante rexistrouse nos apartamentos turísticos, que incrementaron nun 16,4% a cifra de viaxeiros. Tamén as casas de turismo rural melloraron as súas cifras de viaxeiros cun ascenso na cifra global do 9,1% no conxunto da comunidade.

O mercado nacional medrou un 6,5% e o internacional un 8,4%, acadando o máximo de viaxeiros aloxados con case 160 mil no conxunto da comunidade e de pernoitas –superando as 300 mil- así como na estrutura da demanda en agosto supoñendo o 16,6% do total das pernoitas de aloxamento regrado.