A directora de Turismo de Galicia interveu
hoxe no acto de clausura da iniciativa CCamina, un proxecto que aglutina a
experiencia de percorrer o Camiño de Santiago con actividades formativas,
coaching e desenvolvemento persoal.
No acto estiveron presentes tamén o director
xerente da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; o
alcalde de Santiago, Ángel Currás; a tenente de alcalde e concelleira de
Turismo do Concello de Santiago, Reyes Leis; e máis a directora e fundadora de
CCamina, Mariela Villar.
No peche do evento, a directora de Turismo
incidiu na importancia de innovar e proporcionar un valor engadido para as
empresas turísticas e recalcou que a eficiencia e a calidade, a aplicación de
solucións sustentables e a innovación e o cambio como estratexia son os
conceptos nos que se debe basear o futuro das empresas turísticas. “A aposta
por proxectos sustentables, eficientes e respectuosos co medio é fundamental
para acadar o progreso do sector, para poñer en marcha un novo xeito de medrar
e ser competitivos”, explicou.