Golf e golfistas

Turismo de Galicia e a Asociación de Empresas de Turismo de Golf ‘Galicia Destino Golf’asinaron en Mondariz un convenio de colaboración cuxo obxecto fundamental é promocionar conxuntamente Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando o turismo de golf na comunidade. Destino Golf é unha asociación representativa do sector en Galicia e ten por obxecto a promoción de comercialización do turismo de golf.

En virtude deste acordo, ambas entidades colaborarán no desenvolvemento dunha serie de actuacións de promoción mediante a organización do I Circuíto Galicia Destino Golf. Este evento terá lugar no mes de setembro en dous campos de golf situados estratexicamente ao norte de Portugal, xa que o portugués é o turista de golf que está máis próximo a Galicia. Con motivo deste evento, organizarase un encontro de traballo cos touroperadores e xornalistas especializados do país veciño e difundirase a través das redes sociais.


O orzamento para a celebración destas accións é de 30.057 euros que se destinarán á organización, loxística, premios, sorteo, material publicitario e promocional e difusión en medios.