Feijó anuncia en Termatalia a inminente presentación de Ourense Provincia Termal

Inauguración de la feria
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijó, avanzou, hoxe, a presentación neste ano 2013 de Ourense Provincia Termal, “para que Ourense –dixo- non só se confirme senón que proxecte cara ao futuro as capacidades de provincia termal de España”. “Imos cumprir co compromiso de presentar un produto para toda Galicia e para toda España. Ourense Provincia Termal é un produto que a Xunta vai plantexar dentro da oferta turística de Galicia e que imos levar aos touroperadores e ao resto de España”, afirmou, logo de precisar que esta iniciativa “non só debe ser un slogan senón que ten que ser un estudio rigoroso, con análises rigorosas e con propostas rigorosas; un plan director”.

Durante a apertura da XIII edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Termatalia; Feijóo afirmou que Galicia aspira a seguir sendo un referente turístico e un destino para todos os gustos e para todos os públicos. E, neste sentido, afirmou que a Xunta seguirá a impulsar a política termal de Galicia: “Fixémolo a través da innovación en diferentes ámbitos do termalismo e Galicia conta cun Cluster Termal, coa primeira Cátedra de Hidroloxía Médica e con numerosos masters oficiais de turismo”.

Así mesmo, lembrou que Galicia é a comunidade con máis distincións Q de Calidade nos seus establecementos termais e avogou por seguir traballando no eido da promoción da oferta termal “para dar a coñecer ao mundo que Ourense e Galicia é un destino termal en Europa e España. E iso, -engadiu- témolo que seguir facendo a través de iniciativas específicas en colaboración coa Asociación Galega de Balnearios”.