Contratos homologados en Rías Baixas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da Denominación de Orixe Rías Baixas, cun período de vixencia correspondente ás campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015. O obxectivo é que os operadores do sector dispoñan dun instrumento útil para dotar de transparencia o mercado, mellorando a concorrencia deste.

A solicitude de homologación foi formulada por representantes do sector produtor –Xóvenes Agricultores-ASAJA, Sindicato Labrego Galego e Federación Rural Galega-Asociación Galega de Viticultura- e do sector elaborador desta D.O. –Asociación de Adegas do Salnés, Asociación Marcas Rías Baixas, Asociación Empresarios Bodegueros Rías Baixas e as adegas Viña Almirante, Bodegas Eidosela e Bodegas Martín Códax-.   

O control e seguimento do cumprimento dos contratos corresponderá a unha comisión composta de forma paritaria polos representantes dos produtores e das adegas da D.O. asinantes da solicitude de homologación do contrato tipo.

Calquera diferenza que puidera xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución dos contratos, e que non puidera ser resolto de mutuo acordo, ou pola Comisión de Seguimento, someterase á arbitraxe da Consellería do Medio Rural e do Mar.