O secretario xeral de Medio Rural e Montes,
Tomás Fernández-Couto, informou de que a Consellería do Medio Rural e do Mar
leva meses traballando intensamente en colaboración co Instituto Galego de Promoción
Económica (IGAPE) para a aprobación dunha liña de financiamento que incentive
ás adegas a apoiar a homologación de contratos no sector vitivinícola. Isto
permitirá ás adegas acceder a créditos para financiar operacións de compra de
uva que se realicen no marco destes contratos.
Fernández-Couto tamén informou de que na
Denominación de Orixe Rías Baixas –despois de moitas reunións e da preparación
desta liña de financiamento– acadouse o pasado 28 de agosto un acordo entre as
partes e está en trámite a formalización dos contratos homologados para un
período de tres anos. No caso do Ribeiro houbo tamén un importante número de
encontros, pero non foi posible ata o de agora chegar a un acordo entre as
partes.