A Xunta inviste na restauración da fachada do Obradoiro

O compromiso da Xunta de Galicia coa óptima conservación da Catedral de Santiago volve poñerse de manifesto co seu impulso á inminente restauración da fachada do Obradoiro. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta semana este compromiso aos representantes do templo, nunha reunión que mantivo, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e co administrador da mesma, Francisco Domínguez, así como co deán da Catedral, Segundo Pérez.

Na reunión, os representantes eclesiásticos fixeron entrega ao presidente da Xunta do proxecto básico e de execución das obras, participadas pola Xunta a través do Consorcio de Santiago, que achega o 74,8 do orzamento,  e que comezarán proximamente e teñen prevista unha duración de 18 meses. O  seu obxectivo é realizar unha restauración integral das dúas torres da fachada do Obradoiro e parcialmente da fachada central.

Unhas actuacións, que atendendo aos resultados do análise e estudo realizado sobre o Pórtico polo Programa Catedral, teñen como finalidade atallar e corrixir as patoloxías que provocan un problema de humidades no interior dos muros da fachada e que afectan ás bóvedas e fábricas da Tribunal e do Nártex, e tamén ao conxunto escultórico do Pórtico da Gloria.


Na reunión, o mandatario  autonómico puxo en valor a relevancia da Catedral como gran valor da arquitectura eclesiástica de Galicia, así como o seu carácter de principal activo de atracción turística da Comunidade. A ese respecto, Feijóo manifestou o compromiso da  Xunta de apoiar de forma activa nos traballos destinados a preservar o templo nas mellores condicións, así como os labores de restauración previstos.