O presidente da Deputación de
Ourense, Manuel Baltar, e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, asinaron un convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións, segundo o cal
a Deputación achega 10.500 € para a construción dun espazo balneario no recinto
feiral e para realizar unha campaña de “Termalismo Social” que promova e
fomente a riqueza termal da provincia de Ourense.
No acto, que contou asemade coa
presenza do deputado provincial de Termalismo, Argimiro Marnotes, o presidente
da Deputación destacou que no termalismo “é o momento de pasar das palabras aos
feitos” e anunciou que, tralo acordo acadado co presidente da Xunta de Galicia,
“o ente provincial está a traballar no plan estratéxico de termalismo para a
provincia de Ourense, que será presentado a comezos de 2014”. “As conclusións
do plan permitirán –engadiu Baltar- levar a cabo accións
coordinadas entre administracións co obxectivo de que a provincia de Ourense
sexa o referente termal nacional que todos desexamos”. Entre estas accións,
Baltar destacou o relanzamento do Instituto Termal de Galicia, ubicado no
Carballiño.
No acordo asinado hoxe entre a
Deputación e Expourense, a institución provincial patrocinará o balneario de
Termatalia, que terá unhas dimensións de 550 metros cadrados e recreará as
instalacións dun centro termal, para que os visitantes profesionais, o público
en xeral e os medios de comunicación poidan visitalo. Esta estrutura inclúe
unha piscina termal, unha área de relax, cabinas de tratamentos (baño celta,
bañeira vichy, chorro hidrotermal, sauna, pediluvio, maniluvio e jacuzzi), zona
de masaxe e zona de exposicións e presentacións.
Ademais, a Deputación promoverá a
campaña de “Termalismo Social” a través dunha pantalla instalada no recinto feiral
e colaborará, a través do Inorde, no libro de Termatalia 2013. Asemade,
facilitará a organización dunha rota termal pola provincia de Ourense, en
concreto pola Ribeira Sacra, para axentes de viaxes e touroperadores.