O Condado medra

O 20% da uva vendimada no ano 2012 na D.O. Rías Baixas, cun total de 17.567.877 quilos, foi recollida en O Condado, que aportou preto de 4.000 toneladas de uvas. Esta subzona é a segunda das cinco que compoñen a D.O. Rías Baixas -despois do Val do Salnés- en canto a número de viticultores e superficie vitícola inscrita. Nos últimos dez anos tivo un incremento que rolda o 20% en canto ao número de viticultores (1.300 en total) e o 35% no que a superficie inscrita se refire (unhas 1.000 hectáreas).

O Condado do Tea caracterízase por obter viños diferenciados de moi boa calidade, avalados polos distintivos recibidos en diferentes catas-concurso. Entre eles cabe destacar que, na última edición da Cata dos viños de Galicia 2013, organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración cos cinco consellos reguladores vinícolas, O Señorío de Rubiós Condado, de Bodegas Cotorredondo, acadou o distintivo de “mellor viño branco de Galicia” e o “acio de ouro D.O. Rías Baixas” co Señorío de Rubiós Albariño.