Túnel do viño das Catas de Galicia 2013

A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración cos consellos reguladores dos viños e augardentes da nosa Comunidade, organizou o “Túnel do viño das Catas de Galicia 2013”, que terá lugar o vindeiro xoves, día 27 de xuño, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.

Este evento, aberto ao público en xeral, celébrase con motivo do 25º aniversario das catas dos viños de Galicia e permitirá aos expertos e os afeccionados en xeral dispoñer, para a súa cata, duns 200 caldos das diferentes denominacións de orixe de Galicia, que participaron no concurso deste ano. Entre estas mostras de cata –que participaron hai uns días na edición de 2013– estarán os gañadores do certame, que se coñecerán na entrega de premios prevista para o vindeiro día 2 de xullo.

Trátase dunha iniciativa sen precedentes en Galicia, xa que nunca se deron cita nun único lugar e día semellante número de viños, augardentes e licores para seren catados por especialistas e público en xeral. Isto permitirá achegarse a marcas de adegas cun pequeno volume de produción, que é difícil atopar mesmo en viñotecas e tendas especializadas e que non adoitan estar presentes noutros certames sectoriais, pola súa reducida dimensión.

Cada participante recibirá unha copa ao inicio do percorrido, coa que el mesmo se poderá servir os viños que desexe catar. Cada caldo estará identificado por unha pequena ficha, que os asistentes poderán consultar mentres avanzan polo túnel. Unha vez catado un viño, poderán aclarar a copa con auga e terán tamén ao seu dispor pequenas pezas de pan, para refrescar o padal antes dunha nova cata.