Rías Baixas e Algarve, taballo conxunto a prol do turismo

Rías Baixas e Algarve, dous dos principais destinos turísticos de Galicia e Portugal, traballarán coordinados para sacarlle o máximo proveito ás accións de promoción turística dos dous destinos, incrementar as posibilidades de proxección internacional e ter unha maior capacidade de captación de fondos para dinamizar un dos sectores produtivos con máis peso produtivo tanto na provincia de Pontevedra como na rexión lusa.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o presidente de Turismo do Algarve, Desiderio Jorge da Silva, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que pretenden reforzar a colaboración institucional entre as dúas partes, orientándoa neste caso á posta en marcha de medidas conxuntas de promoción turística e de apoio ao tecido empresarial vinculado a este sector.

O obxectivo é aproveitar a complementariedade de ambos os dous destinos para realizar unha promoción cruzada das dúas rexións, de forma que o Algarve poida captar turistas en Pontevedra e as Rías Baixas se promocione non só entre os habitantes da rexión lusa senón, sobre todo, entre os 7 millóns de turistas que cada ano visitan esta área de Portugal.

Rafael Louzán salientou as excelentes relacións entre Pontevedra e o Algarve e incidiu na oportunidade que supón para as dúas rexións colaborar en algo “no que temos moito que ver”, como é o peso do sector turístico.