Portas de Galicia con BTT

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o Presidente da Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das Comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, Juan Manuel Jiménez Morán, así como os alcaldes e tenente de alcalde dos concellos de Riós, A Gudiña, A Mezquita, Vilariño de Conso e Viana do Bolo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a xestión e promoción do Centro Bicicleta Todo Terreo de Portas de Galicia.

Segundo explicou a directora de Turismo, a formalización deste convenio supón un novo pulo para a dinamización turística destas terras mediante o fomento de actividades de turismo activo. Nava Castro incidiu en que o turismo activo, e concretamente os Centros BTT, abren un mundo de posibilidades que converten ao turista no actor principal da súa propia viaxe, interrelacionándoo co medio no que practica a actividade.

O centro BTT é un produto turístico destinado a promocionar a práctica da bicicleta de montaña. Con eles procurase un lecer ligado ao contacto co medio rural, non agresivo coa natureza e que permite a súa vez unha práctica deportiva.