Axencia para o control da calidade alimentaria

A Xunta de Galicia creará unha axencia específica para coordinar todo o relacionado coa formación, a I+D+i e o control da calidade agroalimentaria. Para iso, transformarase o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), facendo posible que integre todas estas tarefas.

Deste xeito, a nova axencia coordinará e integrará os traballos dos diferentes departamentos con competencias e encargarase tamén de axustar e integrar a busca de fondos e proxectos en formación, I+D+i, control da calidade agroalimentaria e difusión e transferencia da tecnoloxía.

A base e estrutura da axencia será a que proporcionan tres centros de referencia, como son o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en agrogandería, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) de Leiro en viticultura e enoloxía e o Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán en agroforestal.