A Xunta fará xestión para garantir os postos de traballo de Cuca

A Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, reiterou no Parlamento o compromiso formal da Xunta de desenvolver as xestións necesarias para garantir os postos de traballo en Conservas Cuca, así como a continuidade da imaxe e da calidade da marca desta conserveira.

Neste sentido, manifestou o “respecto total e absoluto á decisión xudicial sobre o ERE promovido por Garavilla”. Así, lembrou as xestións levadas a cabo polo Goberno galego, no marco dunha acción coordinada entre as consellerías de Traballo, Economía e do Medio Rural e do Mar e os axentes implicados no proceso.

Rosa Quintana explicou que o seu departamento realizou unha consulta á Comisión Europea para analizar as cláusulas das axudas concedidas e se existía a posibilidade de vinculalas á permanencia da actividade na actual localización. Pola súa parte a Comisión Europea respondeu, tal e como indicou a propia conselleira, que o traslado da actividade produtiva se considera unha modificación fundamental e que nese caso o importe da axuda deberá ser devolto.

Por outro lado a conselleira lembrou que se levan investidos máis de 188 millóns de euros na mellora da competitividade do sector conserveiro dende 2009. Isto pon de manifesto, segundo dixo a conselleira, o apoio prestado pola Xunta a este eido produtivo, non só dende o punto de vista administrativo e institucional, senón tamén orzamentario.