O futuro da pesca en Galicia pasa pola unión do sector, segundo Quintana


A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou que a unión do sector do mar, da administración e dos científicos é a única garantía de éxito para o futuro da pesca en Galicia. Díxoo en Santiago durante o acto de presentación da XV edición da Feira monográfica náutico pesqueira Expomar, que terá lugar no concello lucense de Burela do 23 ó 26 de maio.

A titular do Medio Rural e do Mar destacou a evolución desta feira bienal dende os seus inicios ata converterse na actualidade nun referente para todos os profesionais do mar da cornixa cantábrica e do norte de Portugal.

Na súa intervención, a conselleira tamén salientou o aumento no número de expositores da presente edición, o cal cualificou de logro da organización, “porque, que unha localidade de 10.000 habitantes como é Burela reúna un evento destas características non é casualidade, se non que é froito do traballo constante de toda a xente que fai posible este evento, o que demostra que os galegos sabemos sacar proveito do noso e somos quen de servir de exemplo organizativo”.